Coa eclosión da primavera florecen as hortas familiares en Galicia e queda patente ese plus de resistencia da nosa terra do que falan os políticos cinicamente para xustificar non se sabe que. A súa pervivencia é imprescindible para acadar un modo de vida alternativo evolucionado.
Pedro Puialto
Santiago, 25 de abril de 2015
Nun libro presentado hai un par de meses no concello de Teo, os autores sosteñen que o deostado minifundismo galego, lonxe de constituír un hándicap para a produción alimentaria, é un modelo de eficiencia e alta rendibilidade. E iso só falando dos aspectos económicos da cuestión, que hai moitos outros.
Efectivamente, os profesores e investigadores da materia Xoan Carlos Carreira Pérez e Emilio Carral Vilariño analizan cientificamente o asunto na súa obra “O pequeno é grande. A Agricultura familiar como alternativa: o caso galego” publicado por Através Editora e conclúen que, a pesar de que ata lo de agora esa agricultura minifundista familiar foi considerada un sector atrasado e marxinal e por tanto invisíbel para as análises económicas e para as políticas agrarias, non só é economicamente moi relevante senón que xera grandes beneficios sociais tales como: dar lugar a unha paisaxe de calidade, conservar a biodiversidade, xestionar a auga, controlar a erosión, conservar as tradicións e o saber acumulado ao longo de xeracións, etcétera. Ademais, esas pequenas explotacións familiares son as principais responsables de que aínda permaneza ocupado o noso territorio rural participando na súa xestión pois non é posible ter un medio rural poboado se non existen pequenas explotacións familiares xa que a agricultura industrial, por definición, non ocupa o territorio de maneira simbiótica.
Seguindo ese rumbo que preconizan os autores, e a pesares dos atrancos postos polos grandes intereses económicos en xogo defendidos pola clase política convencional, pouco a pouco van calando conceptos como soberanía alimentaria, agricultura biolóxica ou permacultura que manifestan a crecente ansia da xente por subtraerse ao alienante e explotador sistema no que nos obrigan a vivir.
Como consecuencia desa lenta pero crecente toma de conciencia vaise invertendo a tendencia do abandono de terras. Cada vez máis, florecen de novo leiras abandonadas e renace a tradición de esa autosuficiencia alimentaria afortunadamente nunca perdida de todo en Galicia, xunguindo o sistema de hortas familiares co respecto á Natureza e a propia saúde mediante o concepto orgánico ou ecolóxico, concepto que ao final non significa outra cousa que fuxir das trampas que montan as grandes multinacionais para facer dependente a produción agrícola dos seus produtos químicos aínda a costa da nosa saúde.
A defensa fronte a ecoloxía como unha nova burocracia
Claro que os que de algún xeito queren dedicarse profesionalmente á agricultura ecolóxica, e polo tanto que a súa produción quede amparada pola etiqueta oficial correspondente, deben someterse a un sistema burocrático que regula esta denominación, regulación que moitas veces é contraditoria e contraproducente. Para fuxir desto, as novas tendencias propugnan levar o concepto ás súas últimas consecuencias e polo tanto non só pasar de etiquetaxes, substituíndoos si son imprescindibles por eufemismos como produtos naturais, de proximidade, da casa, etcétera, senón tamén de paso liberarse das escravitudes do mercado e comercializar directamente mediante clubs de consumidores cos que se establece unha relación estreita invitándoos a visitar as hortas e incluso a colaborar nos traballos agrícolas.
Deste xeito, e tamén coas hortas comunitarias que incluso ofertan algúns concellos máis que nada en plan de imaxe e medidas cosméticas, vaise tecendo un substrato de mentalidade alternativa que ao final leva a práctica os lapidarios postulados anarquistas de “A propaganda polos feitos” e a “Acción directa” . Así pois, non só este renacido movemento de autosuficiencia alimentaria está a contribuír ás economías domésticas fortemente danadas por este salto cualitativo do capitalismo ao que estamos asistindo senón que ao ter unha compoñente práctica e aparentemente non ideoloxizada está a promover en todas a súas vertentes o pensamento alternativo.
Aquí tedes para iniciarvos manuais de agricultura ecolóxica dos especialistas Aurora Calviño e David Castellanos e un de horticultura urbana da Asociación Galega de Horticultura Urbana que vos amosa os segredos para producir os vosos alimentos mesmo que vivades nun piso:
Apuntes de agricultura ecolóxica
Manual de Horticultura Urbana (Galego)
E aquí un video:
A horta como modo de vida
Máis alá de idealizacións neohippys, resulta ben certo o vello aforismo de que “Quen ten unha horta ten un tesouro”. Para empezar, non fai falla ir ao ximnasio para acadar o mínimo de actividade que reclama a nosa saúde e reduciremos notablemente o capítulo de baleiro entretemento. Tamén entraremos nun gratificante círculo de intereses con esta afección que da tanto xogo e motivos de relación e conversa de toda a vida; axustaremos o presuposto de alimentación; comeremos mellor e máis san e tomaremos conciencia da realidade poñendo, nunca mellor dito, os pes na terra.
Os que non queiran ou poidan mercarse unha leira, o que non supón necesariamente un gasto notable pois con 100 m. de chan rústico é suficiente para case autoabastecerse, teñen moitas alternativas, dende o aluguer, compartido ou non, ao uso de espazos públicos cando sexa posible. Ou simplemente ofrecendo o propio traballo a labregos en activo ou compañeiros cos mesmos intereses co que ademais de aprendermos o oficio obteremos a nosa correspondente retribución en especie .
Eu fíxenme cunha horta hai tres anos en Luou, unha parroquia do concello de Teo onde resido. A pesares de que non sabía absolutamente nada do asunto, voume metendo aos poucos e paso alí cada vez máis horas de tranquilidade e plenitude pois si un quere sempre hai algo que facer. Para aprender leo, pregunto a veciños e coñecidos e fun a un curso de Comisións Labregas na Estrada, curso ao que me deixaron asistir pese a que estaba dirixido a profesionais do campo. Agora estou indo a outro que organiza unha asociación de mulleres no meu concello e vou a feiras e eventos como foi a quinta edición do Mercado de Sementes que se celebrou este pasado domingo día 19 de abril na Fundación Galicia Verde, na parroquia de Leboso en Forcarei, un centro activo e de referencia de permacultura e xeobioloxía.
Nestas feiras populares que se celebran en moitos lugares do noso país e que adoptan o nome de mercado de sementes para distinguilas das feiras convencionais, respírase un aire doutro tempo pero ao mesmo tempo de auténtica e fonda modernidade. Compártense coñecementos e adquírense e intercámbianse produtos e ideas nun ambiente como de grupo de iniciados pero sen ínfulas nin imposturas.
O concepto de Permacultura
A Permacultura implica ir máis alá da agricultura orgánica e constitúe unha filosofía holística de vida que comporta un respecto pola Terra e a utilización de técnicas para a vida cotián aplicadas a todos os seus aspectos , incluíndo a vivenda e a enerxía.
O nome xurdiu ao decatarse os seus iniciadores de que unha agricultura responsable non podía darse senón dentro dunha cultura permanente que forme parte dun todo verdadeiramente sostible, para o que é necesario a creación de sistemas agrícolas e hábitats estables nun deseño que englobe de xeito integral dende a construción á educación pasando pola economía e a organización social.
Neste sentido comezou a usarse este neoloxismo en Australia nos anos setenta do pasado século, sinalándose como precursor ao xaponés Masanobu Fukuaka que preconizou o método de “non facer” unha vez que tomou conciencia de que a maior parte dos traballos do campo que se realizan son innecesarios e penosos e que do que se trata é de conseguir que as forzas propias da Natureza fagan a súa labor.
Para Fukuaka a agricultura é bastante máis que a mera produción de alimentos, é un medio para o desenvolvemento do ser humano en harmonía coa Natureza. Baséase na concepción do “Dó” ou vía de perfección do taoísmo e do budismo Zen. O ideario de que a agricultura ten todo o necesario para facer feliz ao ser humano e desenvolver o seu potencial recólleo no libro “A revolución nunha palliña” (traducida ao castelán con nome de “La revolución de una brizna de paja”).
Entrevista con Masanobu Fukuoka na revista Ecohabitar con motivo dunha visita que fixo a España
Sobre Permacultura:
Programa de TV2 “La Aventura del Saber”
Nada novo baixo o sol
Claro que non falamos de algo novo. Por exemplo, xa Rudolf Steiner, o decimonónico inventor da Antroposofía, do método de educación Waldorf ou da agricultura biodinámica desenvolveuno na súa obra e accións, sistematizando a súa vez saberes populares como son o traballar con e non en contra da Natureza e integrar harmoniosamente a vivenda e a paisaxe.
Os labregos de nova fornada sabemos xa con certeza que debemos facerlle caso aos labregos de toda a vida cando teñen en conta as fases da lúa ou as sinais que por todas partes nos proporciona o Medio.
Os máis interesados poden estar atentos aos cursos que de cando en vez imparte Hans-Günther Kern en Galicia. O último estaba previsto en Porto do Son hai uns días, pero foi aprazado. Neste vídeo introdutorio a un que deu en Valencia o pasado ano explica de xeito moi didáctico o que é a biodinámica:
Mercados e consumidores
O éxito da nova tendencia orgánica e de busca de sistemas de vida á marxe do sistema non só se manifesta nestes neolabregos orgánicos senón que cada vez máis trunfa entre os consumidores. En todas as cidades e mesmo en moitas vilas hai xa mercados especializados biolóxicos e de proximidade que responden ás necesidades duns clientes cada vez máis concienciados. Aquí, en Terras de Compostela, faise por exemplo un todos os sábados pola mañá na Urbanización os Tilos de Teo, e os mesmos días pola tarde en Bertamiráns, en Ames. Tamén en Santiago os segundos sábados de cada mes na Praza Roxa e os martes pola tarde no parque de Bellvís. Alí os consumidores poden contactar con provedores e moitos deles subministran os seus artigos en cestas a domicilio, como fai, entre outras, a asociación Lentura que engloba a produtores de toda a gran comarca compostelá.
En fin, como remate direi que esta si que é unha “marea” interesante e produtiva: loitar contra o sistema facendo saúde e pasando del. Ánimo e ao choio.