Rexurde a figura do vigués Ricardo Mella, o principal pensador anarquista español 

 

FotoRicardoMella

Ricardo Mella Cea, Vigo 1861-1925

-Nun xesto xeneroso e insólito  no mundo académico,  Iria Presa pon a libre disposición a súa enorme investigación sobre Ricardo Mella na páxina ricardomellacea.info  co que o case esquecido escritor e militante libertario  acada un novo e necesario protagonismo.

-En pleno auxe de movementos totalitarios máis ou menos camuflados, de demagogos de todas clases e de volta atrás das conquistas democráticas,  a divulgación do pensamento de Ricardo Mella faise necesaria. 

Por Pedro Puialto

Santiago, 28 de decembro de 2018.   Todo empezou no lonxano 1990 cando Gustavo Luca de Tena, “Tato”, un dos mellores xornalistas da nosa xeración,  faloume por primeira vez de Ricardo Mella e deixoume o libro  “Antología Ácrata Española”, de Vladimiro Muñoz.  Eu, a pesares de ser de Vigo, nunca oíra falar del e impresionado polo que se contaba nese libro me puxen a afondar no asunto.  Como consecuencia publiquei no “Faro de Vigo” unha reportaxe,  “Recordando a Ricardo Mella”,

RecordandoRicardoMella1RecordandoRicardomella2RecordandoRicardoMella3

e uns meses máis tarde outro,

“Ácratas en Galicia”,

AcratasGalicia1AcratasGalicia2AcratasGalicia3AcratasGalicia4

insistindo na súa figura e falando do movemento libertario en Galicia  en xeral, bastante máis fondo e rico do que se pensa.  O meu interese continuou  medrando e seguín as miñas investigacións sobre o que está cualificado como máximo expoñente do pensamento libertario español,  que foi menos potente no seu desenvolvemento teórico que o que lle correspondería tendo en conta a súa abondosa práctica no noso país.  Deses tempos, recordo a dificultade para acadar informacións fiables  sobre o persoeiro e aínda para acceder a súa obra, que foi inxente, espallada e moi expurgada, ademais de moitas veces anónima ou asinada con variadísimos alcumes de acordo co ideal anarquista de fuxir de vaidades e protagonismos.  Falei con algúns dos seus descendentes, incluso coa súa filla Luz, daquela xa na derradeira etapa da vida,  e con outros máis novos,  como Cholo Comesaña.  Tamén con algún dos poucos estudosos interesados polo tema, por exemplo José Antonio Durán que dedicara a Mella algún artigo, como o  publicado na revista “Triunfo” co título de “Recuerdo Urgente de Ricardo Mella”,  e  capítulos dos seus celebrados libros “Crónicas” que editara Akal, sobre todo centrados na primeira etapa de Mella como seguidor de Pi y Margall e as súas conseguintes e precoces actividades en Pontevedra.  Incluso fun ata Asturias a falar co  biógrafo de Eleuterio Quintanilla, o considerado principal discípulo de Mella.  Todos me sinalaban a dificultade do meu empeño e me dicían que cantos pretenderan estudar a figura do vigués acababan tirando a toalla.  Total que despois de moito vagar e diante dos atrancos para continuar coas miñas investigacións, abaneado ademais pola marusía da vida, dinlle a razón aos agoireiros e sumeime a predicible fila de desertores arrombando a Mella con gran dor.

IriaBibliotecarochester

Iria Presa na Rush Rhees Library da Universidade de Rochester

Por iso, cando hai un par de anos chamoume Iria Presa para comentarme os seus traballos sobre esa figura interesadamente esquecida polo Poder e dinme conta do que ela xa levaba estudado e descuberto, quedei realmente abraiado e podo dicir rotundamente e cun certo coñecemento de causa que a súa labor é autenticamente hercúlea.  Despois de coñecela fun seguindo as súas investigacións actualizadas no seu blog epifanías libertarias   e sorprendéndome a cada paso da súa capacidade de traballo e entusiasmo.  Agora  ven de liberar toda a inxente documentación e investigacións que vai realizando na páxina https://www.ricardomellacea.info/ nun exemplo de xenerosidade tanto máis salientable canto que Iria acaba de licenciarse en Filoloxía galega e podería con so unha pequena parte dese material facer unha tese de doutoramento que deixaría en ridículo á todos eses doutores que nin pestanexan cando se reparten os “ cum lauden” por exercicios de copiar e pegar nunha clara demostración da mezquindade das nosas universidades.

ArbolXenealóxicoFamiliaMella

Unha das árbores xenalóxicas da familia Ricardo Mella/Esperanza Serrano que Iria Presa ven realizando

O mérito de Iria Presa é inmenso.  Foi ás fontes primarias, reconstruíu  árbores xenealóxicos, localizou descendentes de todas as ramas familiares, visitou arquivos e centros de documentación por todas partes e pagando todo do seu peto a base de precarios traballos de subsistencia.  E agora toda esa enorme documentación que reuniu e coa que podería conseguir logros académicos indiscutibles a pon gratis e de libre de acceso para todos facendo bo o ideal anarquista da “propaganda polos feitos.”  O resultado do xeneroso acto de Iria Presa é que esa investigación quedará viva, lonxe dos redutos burocráticos das institucións como supoño que lle houbera gustado ao propio Ricardo Mella.

 

 

edf

Sepultura de Ricardo Mella feita por Asorey no cemiterio civil de Pereiró, en Vigo

 

RICARDO MELLA, UNHA OBRA FECUNDA

Ricardo Mella ( Vigo,  1861/1925) foi moi precoz na súa labor xornalística e de divulgación e militancia no movemento obreiro, evolucionando pronto do federalismo de Pi y Margall  -que xa tiña características anarquizantes como demostraba este renunciando ao seu soldo de ministro-    ao chamado anarquismo sen adxectivos.  Antes dos 20 anos xa tivera liortas coa Igrexa e acabou desterrado por un artigo que publicou en “La Verdad”, que dirixía,  denunciando corruptelas do todopoderoso cacique e varias veces ministro José  Elduayen.   Exiliado en Madrid casou con Esperanza Serrano Rivero,  filla do director da influinte Revista Social, Juan  Serrano  Oteiza.  Tivo 12 fillos e viviu en Andalucía, Asturias, etc. traballando como topógrafo moi apreciado e cualificado mentres publicaba incansablemente ensaios,  opúsculos e artigos e fundaba e colaboraba con revistas e xornais.  Foi un gran xornalista de estilo moi limpo, como apuntou  José Antonio Durán:   “Si se lee un texto de Mella, además de por su finura de pensamiento, lo que sorprende es lo bien que escribe”, cousa rara por certo nos escritores da época cunha retórica moi afastada dos gustos actuais.

Mella era moi querido e tiña  fama de veraz.  Dicía sobre ela:  “La verdad debe decirse siempre a los pueblos cueste lo que cueste y venga de donde venga”.  E sobre a liberdade, puntualizando agudamente o que por ela entenden hoxe os autoproclamados liberais, que “La libertad, sin la igualdad objetiva de los medios, es la libertad del dolor, el fraude y la injusticia”.

CartelPresentaciónMella1

Un cartel dunha das varias actividades organizadas por Iria Presa sobre Ricardo Mella

O ideal anarquista que defendía Mella está máis de actualidade que nunca.  A súa lectura segue a ser fecunda e permanecen totalmente  válidas as súas críticas ao funcionamento democrático establecido e ao  aparato burocrático.  Mella é o principal persoeiro da tradición ácrata galega, moi interesante aínda que pouco coñecida e divulgada.   Gerald Brenan fala no seu clásico “El Laberinto Español” do xornal “El Porvenir”, de Santiago, xornal proudhuniano fundado por Ramón de la Sagra e Antolín Faraldo en 1845, como primeiro xornal anarquista de Europa.    O anarquismo de Mella era o chamado “Anarquismo sen adxectivos”, segundo a proclamación de Thomas Payne: “Miña patria é o mundo, todos os homes son os meus irmáns e a miña relixión consiste en facer o ben”.   Tamén o definiu así  Fernando Tarrida del Mármol: “Entre las varias teorías revolucionarias que pretenden garantizar la completa emancipación social, la más conforme con la Naturaleza, la Ciencia y la Justicia es la que rechaza todos los dogmas políticos, sociales, económicos y religiosos, esto es, la Anarquía sin adjetivos.”

Esta foi a teoría imperante en Galicia e que defendeu Mella, distinguíndose do anarquismo colectivista de Bakunin, o comunismo libertario de Kropotkin e Malatesta ou anarco sindicalismo do francés Fernand  Pelloutier.  Propugnaba a propiedade común dos medios de produción e a privada dos produtos obtidos.

Un tema que preocupaba moito a Mella era a educación.  Por exemplo, en “Cuestiones de Enseñanza”  pronúnciase pola  “Ensinanza Neutra” que consiste en non inculcar aos nenos ningunha idea nin crenza para que se desenvolvan libremente:  “Fuera de toda bandería hay que instituir la enseñanza, arrancando a la juventud del poder de los doctrinarios aunque se digan revolucionarios”.   No seu famoso “Lombroso y los Anarquistas” critica á ciencia oficial ao servizo dos intereses imperantes.  En “La Ley del Número” diseca e desenmascara a democracia.  En “La Bancarrota de las Creencias” critica a todas, hasta a las revolucionarias, mentres que en “Ideario” interpreta con estilo xornalístico as cuestións do seu tempo.

Despois dunha vida de militancia libertaria de grande amplitude e intensidade, morreu en Vigo  en 1925 sendo o primeiro director e xerente da Compañía de Tranvías, cuxo trazado fixera como topógrafo como mostra da súa excelencia profesional e honradez demostrada en moitas obras ferroviarias e de outras infraestruturas ao longo de toda España.   O seu enterro foi o acto máis importante que tivo lugar na cidade xa que  asistiron 6.000 persoas nunha urbe que entón tiña 50.000 habitantes.  A súa tumba está no cemiterio civil de Pereiró, baixo unha escultura de Asorey que reproduce o seu busto.  Como dicían os seus contemporáneos, si Mella houbera nacido noutro país sería considerado como un dos grandes homes da humanidade.

IriaArús 
Iria Presa na biblioteca Arús, de Barcelona, a principal de España de temas sociais e sobre o movemento obreiro

A investigadora Iria Presa,  autora de  ricardomellacea.info

-“A desigualdade e problemas contra os que Mella escribía seguen a estar vixentes”

”Dende hai anos teño a idea de facer un disco de vinilo cunha recompilación de música galega actual para rescatar o seu pensamento e chegar as novas xeracións”

Iria Presa sinala nesta entrevista os principais puntos da súa investigación sobre Ricardo Mella que agora pon en libre descarga na páxina web ricardomellacea.info

–  Cómo xurdiu o teu interese por Ricardo Mella e cómo foron as diferentes etapas que dedicaches ao seu estudio? 

-Son unha Sor Presa que tivo sorte de topar no camiño con Xosé Reigosa, membro fundador das redes de colectivos en defensa do territorio «Galiza Non Se Vende» e «A Ría Non Se Vende». Dende ese encontro estudo de forma independente o contexto político-social canda a vida e obra de Mella, e tamén un bocadiño sobre a súa estirpe. A bondade e activismo vital de Xosé Reigosa impactou de tal xeito en min, que tralo seu pasamento en 2012 e grazas a unha conversa con Andrés Bonader comecei a estudar a Ricardo Mella, de quen Reigosa era bisneto pola liña da súa filla Urania Mella Serrano.

iriaeGonzaloNavaza

Iria Presa e o profesor Gonzalo Navaza na presentación en Vigo de ricardomellacea.info

-Cal consideras o principal achado da túa investigación?

O principal achado da investigación foi topar co profesor Gonzalo Navaza, posto que a súa docencia espertou en min o desexo de investigar. Navaza anima a ir buscar a fonte primaria para documentarse e brinda axuda e ferramentas ao seu alumnado para que poida desenvolver a investigación. De feito, Navaza foi o único profesor da UVIGO ao que eu lle escoitei recomendar nas aulas que fósemos aos arquivos históricos. De non ter asistido as súas clases non creo que hoxe existira ricardomellacea.info

-E as maiores dificultades que atopaches?

As dificultades sempre son as mesmas: pecuniarias e de acceso á documentación. Non podo dedicarme ao estudo de Mella como me gustaría porque para manterme me vexo  obrigada a traballar de calquera cousa coa inestabilidade que iso provoca. E, de por parte, hai moita documentación relativa a Mella que está perdida ou ben que foi eliminada, sobre todo despois do 1936. Neste punto cómpre denunciar o esquecemento e maltrato que padece a documentación histórica en Galicia: particularmente, o estado do Arquivo Histórico Municipal de Vigo é un insulto á historia desta cidade. Despois están os casos en que o o acceso á documentación é restrinxida ou non está permitida a súa dixitalización e se queres a imaxe do documento tes que pagar entre 1 e 10 euros para conseguilo. Son estas dificultades as que tamén me animaron a liberar documentación relativa a Mella e mais a Manoel Antonio, para así facilitar o estudo destes autores. A descuberta da documentación da Escuela de Náutica de Vigo en Bilbao levoume a habilitar as Epifanías Libertarias. Estas Epifanías só naceron para liberar o expediente de Manoel Antonio na devandita escola, mais despois seguinas ampliando e actualmente hai abundante material libertario, obreiro e histórico a libre descarga: como bases documentais para o estudo de José Villaverde Velo ou de Ricardo Escrig, o telegrafista que proclamou a IIª República en 1931.

 -Qué é e quere ser o sitio ricardomellacea.info ?  Cal será o seu futuro?

– O sitio ricardomellacea.info é unha páxina web onde se recolle gran parte da información relativa a Ricardo Mella que o Comando RM vén compilando dende hai anos. Quere ser un punto de referencia documental para este autor para que calquera persoa poida coñecer máis del e do seu contexto, mais tamén para que calquera persoa que teña documentación relativa a Mella poida facérnola chegar para que dende a web poidamos poñela a libre descarga. O seu futuro ideal é converterse nunha Biblioteca física onde toda a documentación que está na páxina pase a estar en papel, ao tempo que segue na web. E mentres non logramos este espazo físico, traballaremos para continuar o proxecto de editar a Obra Completa de Mella que comezou Pepe Villaverde en 1926 e que até o de agora non foi culminado.

-Que queda por saber sobre Ricardo Mella?

-Non sei que queda por saber, mais aínda moito, seguro. Estaría estupendo que aparecesen novas fotos e cartas e tamén toda a información relativa ao seu oficio de topógrafo, da que apenas temos nada. Tamén hai moitas cabeceiras de xornais que hoxe están desaparecidas como La Verdad (Vigo, 1881) ou El Despertar (Vigo, 1910) e que sería fantástico que aparecesen.

– Que aspectos da obra e biografía de Mella impactaronte máis?

-Dende o Comando RM pensamos que a súa vida é impactante na súa totalidade, desde que con 19 anos comeza a enfadar ao clero do bispado da diocese de Tui-Vigo até a súa última detención en Vigo a un ano da súa morte, onde recibe uns ‘sablazos’ dun militar retirado. Porén, quizais o máis interesante e oculto até hoxe é a faceta de Mella como organizador, axitador e revolucionario. Mella participou e traballou dende moi novo na creación dun tecido obreiro e librepensador. A súa presenza pública en meetings e asembleas en diferentes puntos da Península canda as liortas que chega a ter con Pablo Iglesias Posse no Madrid de 1884, para nós resultan dignas de obra de teatro ou película.

IriaeRaúlMella

Iria Presa cun vestido orixinal de Urania Mella Serrano e co seu fillo Raúl Solleiro Mella

-Como definirías o estilo e a ideoloxía de Mella e cal pensas que é o lugar que ocupa na historia do Movemento Obreiro. 

-O seu estilo é claro, conciso, sinxelo e directo. Mella ten tamén moita retranca e non se corta en dicir o que pensa. Retou a cantidade de xornais a que contestasen os seus escritos cando estes publicaban algún tipo de información co que Mella non estaba conforme. A ideoloxía de Mella parte da esencia da Iª Internacional e do anarquismo colectivista de Bakunin, pero as liortas entre o anarquismo comunista en contraposición ao colectivista, fixeron que el tamén adoptase a postura de “anarquismo sen adxectivos”. Mella foi moi querido polo movemento obreiro e os seus textos foron unha importante referencia na súa organización. De feito, hai obras que sinalan que os textos de Mella e José Prat en Solidaridad Obrera foron esenciais para a fundación da CNT en 1910 e mais para o desenvolvemento do pensamento anarcosindicalista español.

-Cal é a súa actualidade e o seu legado?  

-Pedro Sierra dicía en 1956 que a obra de Mella tiña valor de perennidade, e por desgraza para nós así é. A desigualdade e problemas contra os que Mella escribía seguen a estar vixentes. Un dos seus primeiros artigos coñecidos é «El Verdugo» (1881), que terá a súa continuación en «Ejército y policía» (1892) ou en «Cañones y discursos» (1912). Actualmente o gasto militar segue a cuadriplicar o gasto en cultura ou sanidade en moitos países do mundo, é por iso Mella segue a ser válido. Mais este non é o único tema, aínda que para min si que resulta un dos máis preocupantes. Os seus escritos sobre ensinanza, organización ou táctica manteñen tamén a súa vixencia e resultan moi claros e directos na súa crítica. Particularmente eu son unha namorada das dez cartas a un inimigo, intituladas, «Breves apuntes sobre las pasiones humanas».

 

edf

Iria Presa na presentación de ricardomellacea.info na sede da CNT de Santiago de Compostela

-Que ideas se te ocorren para recuperar a súa figura? 

Eu teño dende hai anos a idea de facer un disco de vinilo cunha recompilación de música galega actual para rescatar o seu pensamento e chegar as novas xeracións: ese é o meu verdadeiro desexo con Mella. Fóra diso, un dos pasos básicos para a súa recuperación reside en editar a súa Obra Completa I, isto é, os escritos que recompilamos na Bibliografía da páxina web. E, de por parte, tamén resulta moi necesario incorporar o seu nome e escritos aos libros de texto de historia e mais aos temarios de estudo, posto que tanto Mella como o anarquismo apenas se estudan nin nos institutos nin nas universidades e sen estes a Historia de España está incompleta.

 

encontrofamiliaMellaeIria

Unha das xuntanzas de descendentes de Ricardo Mella que organiza Iria Presa.  Na foto: Manuel Díaz-Mella, Jorge Forneiro Mella, Beatriz Mella Rey, Margarita Díaz-Mella, Marina Mella Rey, Antonio Lago Díaz-Mella, Marta Díaz-Mella, Pilar Fernández Díaz (descendente de Juana Mella Cea), Iria Presa e Cholo Comesaña Díaz-Mella

-Un dos teus intereses e motivos de estudo é a xenealoxía de Mella.  Como vai a túa investigación ao respecto?

-Realizar a árbore xenealóxica de Mella é un traballo que vai alén do seu pensamento. Comezou pola teima de atopar a súa verdadeira data de nacemento e agora xa temos localizados dende os tataravós/avoas a tataranetos/as. En realidade, foi o ano pasado, tras descubrir que a descendencia de Mella xogaba ao tennis e mais ao hockey herba coa Miss España 1933, que din en tentar xuntar a parte da familia viva e para lograr entendernos de que rama era cada quen comecei a facer a árbore, posto que Mella e Esperanza Serrano tiveron sete fillas e cinco fillos. Até agora a maior lagoa é sabermos con claridade porqué e onde morreu o seu fillo pequeno, Jorge Mella Serrano, do que só sabemos que morre en 1938 durante a Guerra Civil e que está enterrado Vigo, sen que apareza a súa morte no rexistro civil.

 

cartaz composMella

Iria Presa presentou en diferentes lugares de Galicia o sitio ricardomellacea.info.  Como introdución á presentación en Compostela preparou este pequeno apunte de divulgación que da una idea do personaxe. 

“Ricardo Mella Cea (Vigo, 1861-1925), máis alá de ser pensador anarquista e director xerente da Compañía de Tranvías Eléctricos de Vigo, foi organizador, axitador e revolucionario.  Así pensaba Mella que debía de ser o obreiro e así foi el.  Con 19 anos enfrontouse á Igrexa dende o xornal El Estudiante, de Pontevedra, con vinte gaña u odio do cacique José Elduayen  e con vinteun vese obrigado a ir ao desterro.  En xaneiro de 1883 chega a Madrid, nese abril é detido por mor da Mano Negra e remata ese ano discutindo cara a cara con Pablo Iglesias Posse.  Durante máis de vinte e cinco anos vive itinerante, salta case cada ano de lugar en lugar e en cada un destes puntos traballa canda Esperanza Serrano, a súa compañeira, en prol da igualdade, a fraternidade e a liberdade.  Até hoxe a historia amosou unha versión moi edulcorada do que foi a vida e obra de Mella, de aí a necesidade de crear a web ricardomellacea.info.  A misión desta páxina é divulgar a vida e obra deste autor dende a fonte primaria, isto é, poñendo a libre descarga un bo feixe de documentación relativa a Mella que, ordenada cronoloxica e tipoloxicamente  (actas de defunción, xornais, cartas e folletos) permita visibilizar a inmensidade da súa obra e a súa faceta de organizador, axitador e revolucionario.  No entanto, aínda queda moito Mella e anarquía por descubrir e compilar.  Hai folletos perdidos, cartas, traduccións e moita documentación de obras públicas e sociedades por atopar.  O noso desexo é  emitir e recibir:  que a web sirva como fonte documental sobre Mella para que editoriais, colectivos ou calquera persoa poida estudar e divulgar a Mella e o anarquismo, máis tamén para que documentación relacionada con Mella que actualmente está perdida polo mundo poida chegar a nós e dende a web volver a lanzala para que sexa de dominio público.

A nosa historia facémola nós e nas nosas mans está facela.   Falen cartas, calen barbas!

Sor Presa.  Comando “RM”

 ricardomellacea.info

Epifanías Libertarias

Algo máis:

-O acto da presentación en Vigo pode verse no video do Facebook de Manel Forcadela 

-Máis neste enlace

-Pola súa parte, Silvia Penas, poetisa, actriz e activista social e cultural e vocal e letrista da banda Cinta Adhesiva  , así como unha das tres actrices principais da obra “Sofía e as Postsocráticas”, recitou varios poemas, entre eles un de Alicia Solleiro Mella, filla de Urania Mella,  e un dedicado a Iria Presa.

-Como exemplo da efectividade que está a ter a campaña emprendida por Iria, gracias a este artículo de Público   localizouse a rama da familia que faltaba, a de Mario Mella Serrano.

-Tamén en Vigo celebrouse o 23 de novembro un acto de homenaxe ás fillas de Ricardo Mella con Jose Luis Mateo e Silvia Penas Estévez.

 

 

 

 

 

 

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s