Baixa o nivel e reaparece unha estrela

Concurso de Tapas en Teo 2015.  O premio do xurado e o do público non coinciden

Teo, 25 de Febreiro de 2015
Pedro Puialto

O nivel de este ano no Concurso de Tapas do Antroido, que se desenvolveu entre o 6 e o 22 de febreiro no concello de Teo, baixou  con respecto as dúas convocatorias anteriores.   Segundo algunhas opinión recollidas entre os 16 establecementos participantes, a ambigüedade na redacción das bases,  polo que parecía que se primaba a utilización de produtos propios das datas,  coartaría a creatividade dos concursantes dada a limitada gama dos ingredientes, cinguidos case exclusivamente a elementos do cocido.  Esta tese parece avalada pola non coincidencia entre os premios do Xurado e do Público.  O primeiro premio do Xurado,  quizás mediatizado por esas bases,  foi para o Canaletto co seu“Maki-Mix de Entroido”, sen dúbida cunha rachadora presentación “japo” pero para o meu gusto non acertada de sabor.

A Capilla de Calo, un forofo do concurso

Para min, e para o público que lles outorgou respectivamente o   primeiro e  o segundo premio populares, as mellores foron a da Capilla e a do Videira,  que por certo foron dúas das que se salvaban da  monotonía case xeral dos produtos.   A Capilla,  xunto a igrexa deCalo,  é todo un referente no concurso de tapas.Neste acolledor local tómanse realmente a peito o concurso, que xa gañaron noutra edición, e iso que trátase dun bar máis ben de música e xuventude cun esquemático servizo de cociña.

Pero o dito, o propietario “pícase” co concurso e crea  unhas tapas que lle supoñen un verdadeiro esforzo que se ve recompensado.  Neste caso, ao impactante  deseño da súa“Delicia de fol”  que reproducía unha gaita ía xunguido o notable sabor dun lombo terno e xugoso en correcto maridaxe.

Xurde A Videira no antigo Villaverde

Mº Ángeles e Juan Carlos no seu Restaurante

Mº Ángeles e Juan Carlos no seu Restaurante

O segundo premio do público, que tamén puido ser o primeiro, foi para o restaurante A Videira, en Cacheiras,  antiga sede do restaurante Villaverde, dende hai anos ubicado en Ponte Ulla.  Este bonito local, con terraza e ben situado,  pasou por diferentes  avatares e foi por exemplo  un restaurante mexicano que aínda que non estaba mal non chegou a triunfar.   Tras permanecer moito tempo pechado renace agora con unha imaxe actual e pilotado por unha xove  parella de profesionais: María Ángeles nos fogóns e Juan Carlos no servizo.   Gustoume a súa tapa, “Xurelo en disfraz de ibérico sobre callado de Entroido”, non só por fuxir do tópico que ensoñerou  esta edición senón pola delicadeza da  composición.  É de esperar que este establecemento se afiance entre nós.  Juan Carlos, veterano profesional a quen coñecín no DJ de Santiago, e a súa muller Mari Ángeles o merecen pola ilusión e pulcritude que desprenden.

Outras ideas

Tamén notable foi  a arriscada aposta de Jorge Mella na  Taberna Mella, na parroquia de Rarís, un dos meus bares favoritos  onde paso o tempo na  terraza acompañado da miña cadela Beba  cando vimos a reconfortarnos un cacho tras fozar ambos na nosa horta de Luou. Jorge propuxo algo totalmente diferente aos demais coa súa “Conserva da Avoa” na que unha lata de conservas servía de soporte a unha mextura de gambas e mexillóns.

Outras propostas interesantes foron a  impecablemente profesional “Piruleta de Entroido” do restaurante San Martiño de Miguel Aguiar,  ou a da cafetería Maradentro, en Montouto,  coas “Croquetas líquidas de lacón con grelos”.  Tamén nesta edición anotamos algunha que outra aberración culinaria  que caritativamente convén agochar.

O retorno dunha estrela e lembranza do festín de Babette

Hotel Congreso. Teo

Hotel Congreso de Teo

A noticia xurdio no Hotel Congreso, un lugar frío e pouco apropiado para ir de viños,  como lle ocorre a case todos os hoteis,  pero a onde nos levou a necesidade de completar o circuito.    O título da  tapa era “Mini tortilla de roupavella con alioli de grelos” e estaba francamente boa e ben resolta, o que me estrañou tratándose dun lugar que non destaca polas súas ambicións gastronómicas.

O segredo descubrino días máis tarde cando recibín a chamada da miña amiga Toñi Vicente, coa que non falaba dende había moito tempo, dicíndome que deixara o seu restaurante de Vigo El Puesto Piloto e que xa dende xuño oficiaba no equipo de cociña do Hotel Congreso.

Toñi Vicente volve pois a terras de Compostela.  Tras o incidente da  compra de vieiras fora dos canais  legais,  incidente menor no que foi tomada como cabeza de turco exemplarizante, pechou o seu emblemático  restaurante de Santiago onde moitos nos iniciamos nos segredos da alta cociña e gozamos de tertulias impagables.

Comezou entón un periplo que a levou a Ribeira, Sanxenxo, San Adrián de Cobres e Vigo, de onde saíra do seu Síbaris para establecerse en Santiago.  Por unha ou outra circunstancia non cuallou ningún destes proxectos e a elegante dama da nosa cociña, pioneira dunha renovación que agora parece cousa de sempre,  aterra agora de novo entre nós.    Xa instalada na súa casa de Brión, esperemos que desta vez leve adiante con éxito algún proxecto propio para exercer a súa mestría por estas terras.

Na lembranza, e como mostra do seu talento, deixamos aquí a crónica dunha gran cea que catro afortunados puidemos  disfrutar e que escenificou no seu antigo restaurante reproducindo nun alarde de virtuosismo o banquete da película “O festín de Babette”.

El Retorno de Babette 1: P20150225_
El Retorno de Babette 2: P20150225_000

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s